Saturday 27 de April de 2024

Medio Ambiente renova con ADEGA o seu convenio de colaboración para o desenvolvemento do Proxecto Ríos


A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e a presidenta da asociación ecoloxista, Virxinia Rodríguez, asinaron este acordo coincidindo coa conmemoración hoxe do Día Mundial da Auga

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA) veñen de renovar o seu convenio de colaboración para o desenvolvemento do Proxecto Ríos, coincidindo coa conmemoración hoxe do Día Mundial da Auga.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e a presidenta da asociación ecoloxista, Virxinia Rodríguez, asinaron este acordo, a través do que a Xunta se compromete a investir un total de 50.000 euros nesta iniciativa.

O principal obxectivo deste programa é protexer e poñer en valor as masas fluviais galegas a través de accións de voluntariado. En concreto, a súa proposta baséase na inspección das condicións ecolóxicas dos ríos, que realizan voluntarios locais a través dunha metodoloxía de observación sinxela e estandarizada, que resulta de doada aplicación.

Ao mesmo tempo, dáse a coñecer á cidadanía o papel fundamental dos ríos e as problemáticas ambientais que teñen asociadas, xunto coas prácticas e comportamentos que se poden adoptar para mellorar os cursos fluviais.

Na práctica, o programa funciona do seguinte xeito: os voluntarios seleccionan un treito dun río –coa colaboración da Xunta-, que posteriormente vixían e inspeccionan para realizar un informe, o que permite ao Goberno autonómico actuar naqueles espazos que máis o precisan.

Día Mundial da Auga
A conselleira destacou a importancia deste tipo de programas, en tanto a auga é un “elemento fundamental” para o ser humano e o planeta. “Sen unha auga de calidade para todos, é imposible alcanzar os obxectivos mundiais de desenvolvemento sostible”, subliñou.

Este ano, a ONU decidiu dedicar o Día Mundial á “A auga e o o emprego”, para poñer en valor a importancia deste elemento na creación de postos de traballo. Segundo datos das Nacións Unidas, a metade dos traballadores mundiais (1.500 millóns de persoas), desempeñan o seu labor en sectores relacionados coa auga, “unha cifra que vén a confirmar que a auga é esencial para a evolución social, económica e ambiental do ser humano”.

Ao respecto, Mato lembrou que Galicia coñece ben a importancia da auga, tanto a mariña como fluvial, que “vertebra e enriquece o noso territorio”. Por iso, apostou por seguir traballando pola concienciación e a sensibilización –tal e como se fai a través de proxectos como o renovado hoxe-, xa que os ríos son “esenciais para o presente e futuro” da comunidade.